Croques, estalotes, seoanes, bilicroques, abrulas, dedaleiras, sanxoás, abelurias, estroupallos, butexos, balocas, estraloques, milicroque,…
Digitalis Purpurea, L. (Scrophulariaceae).
Planta herbácea bienal que pode acadar os 2 m de altura, perenne e pubescente. As follas, no primeiro ano son soamente basais formando unha roseta a rentes do chan; resultan máis ou menos rugosas, ovado-lanceoladas, e con peciolos. As outras follas que nacen posteriormente no talo florífero son case sésiles, sen apenas pecíolo. As flores que aparecen sobre esta vara, dispóñense en acio non ramificado. Son de corola tubulosa e enteira, case sempre de cor púrpura (40-55 mm) e co interior branco punteado de vermello, e con pelos. Tamén poden atoparse exemplares desta mesma especie cas flores de cor rosa ou incluso brancas. Florece principalmente de marzo a outono. As sementes, pequeniñas, están no froito que é unha cápsula ovoide a cal se abre en dúas valvas.
HÁBITAT
Trátase dunha planta de poucas esixencias, e é doada de atopar en beiras de camiños e estradas, lindeiros, terreos incultos, montes, … mesmo xorde entre as pedras dos valados con bastante facilidade.
USOS
Curiosamente esta planta presenta o maior índice de principios activos nas primeiras horas da tarde, que é cando se deben recoller as follas, por ser a parte da planta máis abondosa neles. Pero estas substancias medicinais van menguando e chegan ata a súa desaparición no mencer. Isto débese a que a propia planta vai transformando os glicósidos formados para reducilos a substancias máis simples.
Tales principios activos veñen a ser, polo menos, dous glicósidos (purpúrea-glicósidos) A e B; sobreeles actúan certos fermentos contidos nas follas que os descompoñen orixinando dúas novas substancias: DIXITOXINA e XITOXINA.Toda a planta presenta outro glicósido: DIXITALINA, sobre todo nas sementes. Tamén se constatan substancias non glicósidas: dixitoflavina, acedos málico e succínico, ciclohexanol, tanino, e unha diastasa oxidante.
Fitoterapia.
Esta planta é unha medicina imprescindible que salva vidas resolvendo certos cuadros cardíacos. O mesmo tempo pode resultar peligrosamente MORTAL xa que a infusión dunha folla (10 g) pode matar un adulto. Temos un problema de dosificación xa que a marxe terapéutica é moi estreita e limítase a un gramo por día. Aínda que nos imos referir ó seu uso en consumo, debemos abandonar a idea de empregar esta planta pola nosa conta delegando tal responsabilidade nos propios médicos e no servizo farmaceútico. Así pois, decidimos non dar ningunha explicación dalgún preparado. Soamente, por curiosidade, describimos as indicacións en uso interno.
Consumo.
CONTRACCIÓNS DO CORAZÓN. Aumenta a súa forza mellorando notablemente o rendemento cardíaco.
RITMO CARDÍACO. Normalízao cando este é irregular. Conleva certa acción diurética.
Uso tópico.
Podemos usar esta planta externamente. Prepararemos unha infusión cunha ou dúas follas por litro de auga pra aplicar en compresas na zona da pel afectada. Estas son as indicacións:
CICATRIZANTE. Actúa dun xeito moi eficiente sobre úlceras e chagas da pel, incluídas as varicosas.
ESPECIES SIMILARES
Digitalis lutea, L. De corolas de 15-25 mm amarelas e co tubo glabro. Digitalis parviflora, Jacq. Como o nome indica ‘de flor pequena’ (8-13 mm) marrón e co tubo piloso. Endemismo do norte da nosa península.
Tamén se describen varias subespecies da propia Digitalis purpurea que resultan moi semellantes tanto morfolóxica como químicamente. As intoxicacións con esta planta son raras debido ó seu desagradable sabor. Tranquiliza o feito de que tradicionalmente serve de xoguete infantil do que se derivan a maior parte dos seus apodos vulgares. O nome desta planta ten unha tradución case literal xa que se refire á forma e á cor púrpura das flores.
Tamén se considera planta máxica con capacidade para afastar as desgrazas.
L. De corolas de 15-25 mm amarelas e co tubo glabro. Jacq. Como o nome indica ‘de flor pequena’ (8-13 mm) marrón e co tubo piloso. Endemismo do norte da nosa península.
Link:
Nenhum comentário:
Postar um comentário